II CAMPIONATO DE BOLOS CELTAS

Dende a Asociación Boca do Monte dos Anguieiros (Montefurado / Quiroga) levamos varios anos traballando para recuperar o xogo popular dos Bolos Celtas, un xogo que tivo moito arraigo e seguimento na contorna nalgunha época. Os vellos do lugar contan que viña xogar xente dende puntos alonxados do Concello de Quiroga e da Rúa e que se chegaban a apostar grandes cantidades de diñeiro nas partidas dos domingos.
Este ano organizamos, dentro das Festas da Madalena (Patrona de Anguieiros), o II Campionato. Ofrecéronse importantes premios e a convocatoria tivo moito éxito chegando aos 20 participantes. Superouse o número de inscripcións do pasado ano, mellorou o nivel dos xogadores e conseguíronse patrocinadores que ofreceron parte dos premios entregados aos 4 mellores.
O campionato tivo lugar pola mañá do día 21 de xullo, fixéronse roldas eliminatorias e chegaron 4 xogadores á final. Na final decidiuse a posición dos mesmos e coa mesma os premios que lles correspondían . O gañador foi o xogador local, Xosé Manuel Fernández, que levou de premio un xamón e un lote de viño valdeorras da Adega Alán de Val; o segunto foi Esteve Valls (Igualada), un catalán que conseguiu ser o xogador revelación e levar para a súa terra outro lote de viño Alán de Val e un queixo de tetilla; terceiro quedou Pedro “do Ibedo” e cuarto Manuel Durán (A Rúa), ámbolos dous levaron de premio un lote de viño Ribeira Sacra de Adegas Moure e outro queixo de tetilla.
Os patrocinadores deste ano foron: Alán de de Val. Adegas Moure e Denominación de Orixe Tetilla.
Imagen
Anuncios

FESTA DA MADALENA 2013 (Previo)

Boas amig@s !!

Entra o verán e nós pensando xa na Festa da Madalena, festa que honra á Patrona de Anguieiros e que reúne á máis xente na nosa aldea. Pois ben, estamos xa co deseño da mesma e concretouse fixar como días para a celebración o 20 e 21 de xullo. O día propio é o 22 de xullo pero ao cadrar luns é costume adiantala.

Como ideas previas para este ano manterase a “Camiñada Popular”, este ano co percorrido: Covallos, Anguieiros, Enciñeira, Anguieiros. Percorrido que transcorre polo Lourido albiscando a beira do canón da Bibei e o encoro de Montefurado e tamén os xogos populares co tan exitoso “Campionato de Bolos Celtas”. Non faltarán tampouco o bailoteo do sábado noite, o pasarrúas, misa e “picoteo vermú” do domingo.

Como actividade orixinal para este ano tentaremos facer un “Concurso de Madalenas”, detalle curioso que honra tamén á nosa Patrona e que seguro dará que falar. Os que vos animedes podedes mandar xa un e.mail para a inscripción ao noso enderezo de correo: asociacionbocadomonte@gmail.com (haberá premios).

Empeza a conta atrás, ide reservando esa finde na que non se pode faltar e traede a tod@s os familiares e amig@s que poidades. Cada ano máis e mellor !!

ImagenFOTO: membros do grupo Abertal da Rúa