O TÚNEL ROMANO TEN QUE SER B.I.C.

Aproveitando a actualidade sobre a A-76, a continuación publicamos un artigo de opinión do arqueólogo Iván Antonio Álvarez, persoa que se encargou da redación do informe que acompaña a solicitude do Concello de Quiroga para conseguir a declaración de BIC do túnel romano de Montefurado.

“Os bens mobles, inmobles e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia serán declarados bens de interese cultural mediante decreto da Xunta de Galicia…” Así é como comeza o Artigo 8 da Lei do Patrimonio Cultural de Galiza (Lei 8/1995 do 30 de outubro). Recolle tamén a clase de bens que poden acollerse a esta categoría, a de máxima protección dentro do Estado, que poderán ser “monumento, conxunto histórico, xardín histórico, sitio ou territorio histórico, zona arqueolóxica, lugar de interese etnográfico e zona paleontolóxica”. Porén, esta lei non di que elementos debemos considerar como sobranceiros nin cal ha de ser o criterio para definir tal categoría. Velaquí  a miña proposta:

Para que un ben patrimonial poida acadar a categoría de Ben de Interese Cultural deberá estar inscrito nun territorio de salientábel valor histórico.

Para que un ben patrimonial poida acadar a categoría de Ben de Interese Cultural deberá enmarcarse nun espazo de indubidábel valor paisaxístico e humano.

Para que un ben patrimonial poida acadar a categoría de Ben de Interese Cultural deberá formar parte dunha contorna que complemente, cun mesmo nivel de calidade, as características definitorias do mesmo.

Para que un ben patrimonial poida acadar a categoría de Ben de Interese Cultural deberá contar con accesos axeitados para a totalidade dos potenciais usuarios.

E, sobre todo, para que un ben patrimonial poida acadar a categoría de Ben de Interese Cultural deberá presentar unhas características únicas dentro da súa clase. Que sexa o único exemplo do país.

Interioricemos agora a proposta e botemos unha ollada cara a Galiza, cara á Ribeira Sacra. Reparemos no Concello de Quiroga. Non só o seu territorio cumpre coa meirande parte dos enunciados expostos, senón que ademais posúe, entre o seu patrimonio, un elemento que acadaría a totalidade dos puntos. O Túnel Romano de Montefurado. A Boca do Monte.

Agora é o momento.

Iván Antonio Álvarez 

Xuntamos FOLLA PARA SINATURAS DE APOIO Á DECLARACIÓN DE BIC por se queredes recoller máis para despois enviar en apoio popular e público desta solicitude que se tramita dende o Concello de Quiroga.

Anuncios