ROTEIRO «AUGAS DOURADAS» / 27 ABRIL

ADEGA-Lugo ofreceunos hai un tempo a posibilidade de organizar conxuntamente un roteiro con eles e non nos costou moito decidirnos. A temática deste ano para as andainas de ADEGA é a auga e o roteiro levará o nome de «AUGAS DOURADAS» por esa relación histórica do Sil co ouro…

Ao final concretouse que sexa o domingo 27 de abril con saída dende a Veiga, vagoada que hai perto da Boca do Monte, sobre as 10:30 da mañá, hora que se calcula para a chegada do autocar coa xente de ADEGA-Lugo.

Aquí vos deixamos a folla de ruta para a ocasión. Os que vos animedes traede roupa axeitada para o sendeirismo, comida para xantar e merendar e bebida para o camiño. Na parada de Enciñeira é posible que teñamos o bar da Asociación Veciñal aberto e tamén está por confirmar que Protección Civil de Quiroga faga a cobertura da andaina para atender calquera incidencia ou accidente que se poda producir.

 

INFORMACIÓN BÁSICA

Situación: Montefurado – Quiroga (Lugo)

Saída: Boca do Monte (A Veiga)  N-120 Saída Montefurado

Dificultade: Media

Distancia: 14 Km

Desnivel: 460 m    

Horario: 10.30 – 17.00 h. (paradas culturais e para xantar incluídas)

———————————————–

SINOPSE

Roteiro que terá como protagonistas a obra de enxeñería romana de Montefurado, os ríos Sil e Bibei e o microclima característico da zona que fai posible, entre outras cousas, a existencia de oliveiras. Coñeceremos a influencia do paso destes ríos pola zona, un pouco do pasado romano destas terras e a importancia que tivo no seu día o cultivo do aceite.

Acompañaranos algún arqueólogo e algún biólogo para ir comentando aspectos destacados de todo o anterior.

DESCRIPCIÓN DO ROTEIRO

O roteiro partirá do que se coñece como A Veiga, lugar que foi parte da orixinaria canle do río Sil antes de que os romanos escavaran a montaña para desvialo. Veremos o Montefurado, coñecido popularmente como a Boca do Monte, e subiremos dirección Os Anguieiros. A partir desta aldea colleremos unha pista forestal que transcorre paralela ao encoro de Montefurado e do río Bibei dende onde poderemos albiscar as Terras de Trives e incluso Manzaneda. Na parte máis alta da ruta teremos xa a aldea de Enciñeira onde poderemos parar no Centro Sociocultural a tomar un refresco e ver a súa Igrexa parroquial que data do século XVI. A partir dese momento a camiñada será descendente e poderemos apreciar unha fermosa paisaxe onde destaca de fondo a aldea de Montefurado e vestixios de explotacións auríferas romanas. Chegamos de novo a Os Anguieiros, onde coñeceremos a súa fermosa fonte e o seu antigo muíño de aceite. Dende aquí, continuará a baixada ata chegar xa ao punto de partida.

 ———————————–

Para máis información: asociacionbocadomonte@gmail.com 

 

Deja un comentario